Dende o Castro Martiño, cruzando a aldea de Xinzo, chegamos a un lugar máxico de fermosas vistas sobre o val do Miño. Sitio fermoso, pero agredido cunha liña eléctrica de alta tensión e inexplorado arqueoloxicamente.
Na contorna houbo minas que aproveitaron o estaño. Pero tamén hai evidencias de explotacións auríferas antigas. Monte abaixo está Laias, onde houbo un grande poboado prerromano e onde tamén houbo explotacións auríferas.
Con certa dificultade, pola presenza de grandes penedos, nalgúns dos cales existen marcas que denuncian antigas labouras de extracción, podemos subir monte arriba. Pasaremos a rentes do Penedo do Santo e, un pouco máis adiante, chegaremos ao castro do Santrocado e á capela que o coroa. Iste lugar onde está a capela era o que, aínda non hai moitos anos, na aldea de Xinzo chamaban "A Cidade". Ata alí chegaba a serpe que vivía na mina do Castro Martiño.
Tamén había a repetida lenda da galiña cos pitiños de ouro... que relataban os avós con tanto agarimo.