O Castro Martiño

Xinzo, Eiras (Ourense)

Arredor da citania de Lámbrica (San Cibrao das Las e Ourantes) atopamos, tanto na toponimia como en restos arqueolóxicos, evidencias da existencia de pequenos castros que, polo seu tamaño e pola súa situación, semellan haber tido algún vínculo de dependencia da citania de Lámbrica. Exemplos deses pequenos castros, esquecidos e en total abandono, témolos en Ourantes, perto da igrexa románica, en Casar do Mato (na parroquia de Beariz), en Salamonde, en Eiras, tamén moi achegado á igrexa parroquial... 

O de Castro Martiño, tamén na parroquia de Eiras, suxire polas súas lendas e pola súa situación, a vinculación a antigas actividades mineiras que se complementarían coa agricultura e coa gandaría, constituíndo a orixe da aldea que aínda hoxe podemos ver ao seu carón.

Na parroquia de Santa Uxía de Eiras (concello de San Amaro, Ourense) existe unha aldea, Xinzo, situada nas abas do monte de Santrocado. A douscentos metros ao noroeste desta aldea hai un monte, o Castro Martiño, que, como o seu propio nome indica, agocha unha aldeíña fortificada situada en liña recta a só 1800 metros de Lámbrica.  

Ten certa lóxica supor que o Castro Martiño albergou á poboación máis primixenia da aldea inmediata, Xinzo de Eiras, a poucos metros del. En Xinzo vivíase ata non hai moito tempo da agricultura e da gandeiría, axudándose para os gastos da casa coa eventual venda de madeira. Un dos cultivos tradicionais, coñecidos ata lonxanas terras de Rodeiro e Lalín, era o viño, que se daba en sucalcos cara o mediodía, mirando á ribeira do Miño. A división territorial sen fundamento, en concellos artificiais, deixou a Xinzo fóra da Denominación de Orixe Ribeiro, pese a posuír unha das mellores zonas de viño. 

O Castro Martiño é un dos maiores castros da contorna (se exceptuamos Lámbrica), cunha superficie aproximada de dúas hectáreas, pero a inexistencia de escavacións e de estudos, así como a abundante vexetación, fan difícil coñecer ou entrever as súas estruturas. Os segredos do Castro Martiño seguirán esperando, para ser desvelados algún día, debaixo de carballos, toxos, piñeiros e mimosas. As coordenadas xeográficas aproximadas son as seguintes: 42º 20' 43" N, e 8º 02' 37" W. 

A tradición oral fálanos do Castro Martiño como un lugar onde existe unha mina na que habita -habitaba- unha serpe. O réptil era longo, á dicir dos veciños, porque chegaba dende o Castro Martiño ata A Ciudá, ou A Cidá, pois así chamaron sempre os de Xinzo ao castro do Santrocado, situado a 1000 metros en liña recta cara o nordés, ou sexa, un pouquiño más cerca que Lámbrica. O Santrocado é a máxima altura sobre o nivel do mar da contorna. 

Nembargantes, en San Cibrao das Las chamánlle Ciudá ao castro que comparten coa parroquia de Ourantes, Lámbrica. Temos, logo, un "conflito" de supremacía, que se pode dirimir se pensamos que Lámbrica e o Santrocado son complementarios por razóns defensivas e estratéxicas.

O Castro do Santrocado está a 550 metros sobre o nivel do mar, entre os concellos de San Amaro, Punxín e Cenlle, un territorio que poderíamos considerar o "territorio de Lámbrica", cuxa capitalidade política estaría en algún momento no seu castro más importante, a citania de Lámbrica -que algúns chaman Lansbriga- e que está situado entre San Cibrao das Las e Ourantes, entre as terras dos concellos de San Amaro e Punxín. 

A primeira ocupación do castro do Santrocado, onde está a capela, estímase que foi entre os séculos VII e VI antes de Cristo. Este castro non deu lugar a ningunha aldea, pero a súa memoria permaneceu viva ó traveso dos séculos coa cristianización e coa presenza dunha capela na que se celebraba -e se celebra aínda- a romaría do San Trocado, na que, curiosamente, se bendicían os campos dos arredores presidindo os ritos o abade de San Cibrao das Las, o que indica unha certa primacía entre os cregos das outras parroquias. Ata alí subían procesións procedentes das catro parroquias que arrodean o monte do Santrocado: Eiras, Las, Ourantes e Laias. 

Arredor de Lámbrica -insistir en que Lámbrica é o antigo nome da citania de San Cibrao das Las- existe unha constelación de pequenos castros, máis pequenos pero non por elo menos importantes, que constitúen a orixe de moitas aldeas da contorna: Eiras, Casar do Mato, Castro Martiño, O Castelo de Laias, Ourantes... A citania, de San Cibrao, Lámbrica, sería, en algún momento de finais da Idade do Ferro, o maior de todos iles, con algo máis de 9 hectáreas de superficie. Ostenta a particularidade de ter un gran recinto central no que non existen construcións para vivenda, por iso se lle supón a este recinto unha funcionalidade sacra, relixiosa, ou de tipo militar. As vivendas e os talleres estaban situados nun segundo recinto máis exterior, a xeito de anel e rodeado por outra muralla. Esta presenza dun gran recinto central en Lámbrica lévanos a comparalo coas grandes citanias do Norte de Portugal.


Dende O Couto ao Castro Martiño

Son impresionantes as defensas naturais do Castro Martiño cara o Oeste, orixinadas nunha falla xeolóxica que recorre o pequeno val do regato de Farcixo. Salvando o desnivel que existe entre o Farcixo e o Castro Martiño, poderemos acceder facilmente á ribeira do Miño na actual parroquia de Razamonde e, se nos diriximos cara o oeste, ao outro lado do regato Farcixo, chegaremos en menos de dez minutos aos petroglifos da Ermida, onde, nun lugar case inmediato chamado O Couto, atopamos os restos dunha mámoa e un cruceiro, este último testemuña da cristianización de cultos anteriores e recordo dunha antiga ermida xa desaparecida, seica adicada aos santos Cosmede e Damián. Foi neste lugar do Couto onde comezamos a nosa visita. Para chegar ó Castro Martiño tivemos que descender primeiro ata o val do regato Farcixo, a uns 290 metros sobre o nivel do mar, por un precioso lugar chamado A Regha

O camiño que nos leva ata alí é un vello camiño de carro, seguramente máis que milenario, con treitos labrados nas laxas que manteñen as sinais das pegadas das rodeiras que os recorreron durante séculos (os camiños similares que había na Ermida, a poucos centos de metros, xa foron arrasados polas máquinas do "progreso", con repoboacións forestais promovidas pola Xunta de Galicia). Necesitabamos protexer estes camiños, vestixios dunha cultura milenaria de apego á terra e á contorna.  

Ao val do Farcixo chámaselle A Regha, como xa se dixo, e alí tamén existiron bancais de viñedos ata hai pouco menos de corenta ou cincuenta anos.  

Camiñando cara o leste, en escasos 150 ou 200 metros pasamos dos 290 metros sobre o nivel do mar no Farcixo a 370 metros na croa do Castro Martiño, o que pode dar idea da verticalidade do terreo por esa ladeira.

Estamos acostumados a que os libros de divulgación nos conten que os romanos "obrigaron aos habitantes a baixar dos castros", pero esta afirmación en Xinzo non tería sentido pois, curiosamente, a aldea actual ten algo máis de altitude que o castro orixinario (381 m.). É posible que o traslado de población ó novo establecemento de Xinzo se producise por algún problema de abastecemento de auga ou por un aumento de poboación que imposibilitara a vida dentro do castro. Tamén puido orixinarse cun establecemento agropecuario medieval na actual aldea, que recibiría o seu nome dun posuidor (Xinzo, de Genicio?), pero todo isto son hipóteses.

Non existe bibliografía específica sobre o Castro Martiño, nin hai constancia de que fose escavado nunca. O terreo no que se asenta é de propiedade privada, e está distribuído en arredor de medio cento de parcelas.

O parcelario, coas súas liñas curvas, pode darnos unha idea dalgunhas das súas defensas, sexan terrapléns, murallas ou foxos. So puidemos adiviñar un pequeno lenzo de muralla na parte sur, cunha anchura inusual para ser o valado dunha finca. Na parte oeste aproveitaríanse da verticalidade do terreo cara o regato para asegurar a defensa.

O Castro Martiño ten forma de óvalo orientado de nordeste a sudoeste. Na constelación de castros que arrodean a Lámbrica, ocupa un lugar preferente, tanto pola súa superficie como pola súa cercanía, pois está a algo menos de dous quilómetros da citania de Lámbrica.

Do castro do Santrocado está tan só a 1000 metros. A Eiras hai 1400 metros e, se bordeamos o monte do Santrocado dirixíndonos ao sur, andaremos, aproximadamente, dous quilómetros para chegar ao grande poboado do Castelo, entre Laias e Barbantes.

O Castro Martiño ocupa, logo, unha posición bastante privilexiada, cercana a todos estes outros castros, e inmediato ás vetas estanníferas e aos recursos auríferos que gardaban aqueles montes. 

Na zona nordeste, entrando dende a estrada a Xinzo, existía unha mina (de auga?) onde se ubicaba a lenda da serpe que chegaba ata a cima do Santrocado e que supoñemos que gardaría as consabidas trabes de ouro e de alquitrán. Ignoramos cal era a entrada orixinal do castro. 

A zona alta ou croa do Castro Martiño ten unha superficie aproximada de 0,74 hectáreas e parécenos que podería ter forma case circular, non oval como a totalidade do xacemento. Nesta zona central ou croa existen rochas con insculturas, particularmente algunhas coviñas.

Nunha destas rochas, nas que non é dificil atopar modificacións antrópicas, vemos un oco circular estreito e profundo que alimentou a imaxinación popular, transmitindo a tradición oral que era para "poñer a bandeira".

Na Gran Enciclopedia Galega (Vol. 27, Voz "San Amaro") dise que no Castro Martiño "existen referencias de hallazgos de material diverso", sen precisar nada máis. Tamén se di que "se relaciona con las explotaciones mineras que hasta hace poco estuvieron en funcionamiento en esta localidad para aprovechamiento de estaño y wolframio". 

Os medios de vida no Castro Martiño non deberon ser moi distintos dos que seguiron a practicar os veciños de Xinzo ata hai ben poucos anos, baseados na agricultura e na gandeiría. Paralelamente, como se afirmaba anteriormente, debeu existir certa actividade mineira baseada nos recursos minerais de estaño e ouro. Algúns achados arqueolóxicos en bronce xa se fabricaron cara os séculos VI ou VII antes de Cristo, como testemuña a lanza atopada por Cuevillas no concello de San Amaro, e... para fabricar bronce fai falta estaño.

En canto ás comunicacións, xa vimos que estaba relativamente cerca de outros xacementos da contorna que puideron ser coetáneos, pero debemos destacar a saída á vía fluvial máis importante, o río Miño, que tamén estaba garantida pola actual parroquia de Razamonde, cunha distancia de 2000 metros á mesma ribeira do Miño, pasando cerca dun establecemento romano, do que nos quedou unha singular fonte, a fonte de Lagharellos, que aínda en 1997 se podía ver tal e como era, antes de que a atuara a autovía.

O Castro Martiño, pola súa superficie e pola súa configuración, parece similar ao castro do Santrocado, con lenzos de murallas discontinuos e aproveitamento de defensas naturais. Á espera de que as administracións culturais se dignen a investigar -ou a favorecer a investigación- sobre o noso pasado, poderíamos atrevernos a afirmar que o Castro Martiño non é posterior ós séculos VII ou VI antes de Cristo, entre finais da Idade do Bronce e os inicios da Idade de Ferro, datacións que tamén se manexan para o Castelo de Laias.

Edificada Lámbrica, en plena Idade do Ferro (séculos VIII a III a. de X.), e reedificada posteriormente, xa entre os séculos II e I antes de Cristo, é probable que a poboación destes pequenos castros, de tradición máis antiga, que pode remontarse ata a Idade do Bronce ou inicios da Idade do Ferro, continuara a súa actividade económica tradicional sometida aos designios da autoridade política que os "centralizaba", Lámbrica. 

A aportación de man de obra procedente destes pequenos castros sería fundamental para o traballo das minas e dos obradoiros, dos que temos constancia nos restos de escouras de mineral que aparecen na propia Lámbrica.

Os romanos, lonxe de constituír grandes urbes na nosa zona, limitaranse a suplantar o poder político e a introducir as súas crenzas relixiosas, (véxase a inscrición a Xúpiter (IOVI) en Lámbrica), aínda que ás veces asimilaran as nosas (ara de Eiras, posiblemente procedente das Múas ou da Ermida), permitindo que as explotacións económicas -estaño, ouro, agricultura e gandeiría- continuaran máis ou menos como ata entonces, ao menos dende o punto de vista do mineiro-agricultor-gandeiro. 

Só nalgúns latifundios se establecerían o que supoñemos eran vilas romanas, con establecementos agropecuarios de grandes superficies, que serían a orixe dalgúns dos actuais pazos ou reitorais, como sucedeu en Eiras, onde apareceron restos dun mosaico romano. O poder relixioso, unha vez rematada a actividade mineira nesta zona e diluído o Imperio romano, suplantaría -a súa vez- ao poder político tradicional dos castros. 

Formaríanse agora as parroquias e irían xurdindo as relacións feudais. Os castros quedarán, logo, abandonados, establecéndose a poboación en pacíficas aldeas, ó servicio de señores diversos, sexan laicos ou eclesiásticos. 

Sirva este artigo como denuncia do estado de abandono dunha das xoias que gravitaron, e que aínda permanecen, arredor de Lámbrica, e que esperan con paciencia que veciños e autoridades políticas se involucren na súa investigación, conservación e difusión, que deberían comenzar pola declaración dos xacementos como Ben de Interese Cultural e pola protección seria das fermosas paraxes naturais e tradicionais -irrepetibles e en perigo- que acollen a estes xacementos arqueolóxicos.


                                                                                                  (Fonte: blogoteca.com/lambrica, 16-3-2015)
 

Fotogalería

F. González Iglesias. Febreiro de 2019 - maio de 2020. Reservados todos os dereitos.
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar